TEMA 5. Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula. Procedementos para o fomento das catro habilidades na aprendizaxe de linguas estranxeiras (falar, escoitar, ler, escribir)

Ola, colegas!

Como sabedes, os blogs voltan a coller ritmo coa materia de Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Nesta nova entrada podedes atopar todo aquilo que me gustaría remarcar das sesións con Cristina Rodríguez, quen nos achegou a un temario moi amplo e que podedes atopar reducido no título, así como os ligazóns aos meus comentarios noutros blogs. En concreto, voume deter na mediación como estratexia de aprendizaxe, nas actividades realizadas para traballar tanto a expresión como a comprensión e, por último, nas rúbricas como medios de avaliación.

Antes de comezar coa mediación en si, gustaríame determe brevemente no concepto de “plurilingüismo”, tal e como fixo a docente. En consonancia cunha ollada social sobre as linguas, co plurilingüismo trátase de dar valor ao repertorio lingüístico de cada falante no seu conxunto, así como non recaer na (hiper)corrección ou estandarización lingüística (ideas que eu coñecía tamén baixo o translanguaging ou o polylanguaging). En definitiva, pon o acento na eficacia da intercomunicación. Moi en relación con esta última, xa que o seu obxectivo é resolver un problema de comunicación ou mesmo facilitar a interacción, o concepto de “mediación” está gañando forza no ámbito da ensinanza de linguas estranxeiras. Na primeira sesión xa nos decatáramos de que os famosos cinco bloques nos que se divide o currículo de 1ª Lingua Estranxeira (na educación obrigatoria) non están directamente extraídos do MCER (os cales si se trasladan máis directamente nas ensinanzas das EOI), senón que este baséase na idea do alumnado como axentes sociais e, en consecuencia, divídese nas seguintes catro partes: comprensión, expresión, interacción e mediación. A este respecto, a docente encomendounos que, en pequenos grupos, elaboráramos unha actividade baixo o título mediación lingüística e plurilingüismo. No noso caso (o GRUPO 1 no documento), traballamos sobre un suposto grupo de 1º de Bacharelato de Vigo e titulámola Tell me what I am about to eat. O obxectivo era que o alumnado fixese comprensible, a través da conversa oral, a carta do menú dun bar tradicional galego a persoas que non non coñecían a lingua na que esta se presenta, nin tampouco a súa cultura culinaria. Fieis á definición de mediación, a idea era posibilitar a comunicación entre persoas, neste caso, a través da interpretación informal. Un bo exemplo desta última é a serie de vídeos á que nos achegou Cristina Rodríguez, nos que personaxes famosas explican slang de distintas comunidades de fala.

O segundo bloque do temario consistiu, dunha banda, nas actividades de comprensión oral e escrita e, doutra banda, nas de produción e interacción tanto oral como escrita. No tocante ás primeiras, este contido foi especialmente esclarecedor, xa que afondamos en cada unha das partes que debería (ou pode) conter unha actividade desta índole para sacarlle o máximo partido. Ademais, as súas correccións ou apuntamentos a posteriori sobre a actividade elaborada por nós (neste caso, en parellas), son moi de agradecer. Begoña e mais eu decidimos traballar sobre a comprensión oral a través dun vídeo de Youtube extraído dun programa da televisión española. O grupo ao que estaría destinada esta actividade sería de estudantes de español para extranjeros e o tema principal é a vivenda. A partir disto, coñecemos a importancia de todas as partes (presentación, pre-escoita, primeira escoita, segunda escoita e pos-escoita) ademais das distintas opcións que existen para desenvolvelas. En segundo lugar, tratamos as actividades destinadas á produción e interacción tanto oral como escrita. A parte máis dinámica foi cando en grupos de catro ou cinco persoas tivemos que compartir actividades orais, de feito que, ao rematar, tiñamos bastante información nova a través da busca individual e a posta en común. En concreto, a min tocoume a revisión dun listado promovido por TeachingEnglish (British Council) con actividades doadas de entender e de por en práctica e, en xeral, motivadoras, as cales poden servir tanto para dinamizar unha clase nun momento dado ou formar parte importante das actividades principais dunha sesión. Para min, este apartado da materia foi moi interesante, xa que na miña traxectoria como estudante de linguas estranxeiras non experimentei este tipo de actividades que parecen afastarse do libro de texto, alo menos dos da miña época, máis concretamente, a única intención dos listenings era a dobre escoita e a resposta de cuestionarios, e, no caso dos writings, o traballo individual sen demasiada revisión por parte do profesorado durante o proceso de elaboración.

Por último, o derradeiro tema que tratamos foi o uso das rúbricas para avaliar a expresión oral e escrita. Estas están moi ligadas á avaliación formativa, un dos grandes descubrimentos ao longo deste mestrado, xunto coa inicial, e que destaca pola súa correlación con procesos de ensinanza-aprendizaxe realmente continuos e beneficiosos para o alumnado. No tocante ás rúbricas, puidemos comprobar a dificultade da súa elaboración a través da actividade final, na que tiñamos que crear unha para describir as distintas actuacións no desenvolvemento daquela que fixéramos en primeiro lugar (Tell me what I am to eat, descrita arriba). De feito, a partir disto tamén nos decatamos (ou recordamos) a necesidade de crear actividades cun certo carácter circular, xa que os obxectivos que establecéramos no seu momento deberían de aparecer na avaliación, e resultou non ser o máis coherente nalgúns casos. A idea principal é afastarse de variables do estilo “moito”, “pouco” ou “nada”, ou mesmo “sobresaínte” ou “insuficiente”, con todo, como vimos, é habitual o uso de rúbricas inconsistentes coa súa natureza e mesmo nós elaboramos algunha que outra no mestrado da que non se nos deu feedback negativo (nin positivo, iso si) pero que agora sabemos que non deberían trasladarse á aula. A realidade é que, sorprendentemente, a elaboración de boas rúbricas requirirá de moita práctica e reflexión crítica. A verdade é que este tema supérame un pouco e espero que a partir da próxima achega con Marie-Manuelle da Silva me resulte máis doado.

En xeral, estas sesións foron valiosas por como a docente nos trasladou a súa fonda experiencia e, á vez, actualizada perspectiva. Pola miña banda, eu non só aprendín como realizar actividades ou mesmo facer sesións dinámicas e produtivas, senón tamén como introducir o plurilingüismo na aula dunha forma completamente efectiva e consecuente coa fin da mesma, por exemplo, discutindo contidos sen restricións no repertorio propio pero presentando resultados na lingua meta. Neste sentido, considero que a mediación ou a confianza no plurilingüismo poden facilitar a participación de persoas que non se sintan tan cómodas expresándose nunha lingua estranxeira, xa que poríamos o énfase, alo menos nunha primeira instancia, na capacidade de trasladar unha mensaxe. Doutra banda, gardo diversos apuntamentos e compilacións de actividades que resultan útiles para a miña labor docente. En particular, para o profesorado de lingua inglesa, aproveito esta entrada dedicada á elaboración de actividades e avaliación para deixar á vosa disposición a recompilación English Vocabulary Profile, na que numerosas palabras e frases están estruturadas segundo os distintos niveis do MCER. Por último, e máis importante, cómpre salientar a capacidade de Cristina Rodríguez para espertar o meu interese polo MCER (cousa difícil, velaquí unha mostra), sobre todo, a partir das súas achegas sobre o Companion Volume. Sen dúbida, afondarei máis neste texto (neste sentido, déixovos enlazados dous vídeos recomendados nas diapositivas da profesora e que son moi aclaratorios: 1 e 2).

Sen máis, despídome polo momento. Vémonos pronto!

[Comentarios realizados noutros blogs: 1, 2, 3]

Comentarios

  1. ¡Ola, Laura!

    Encantoume a túa entrada, sobre todo pola cantidade de recursos que achegas.
    Persoalmente, descoñecía o termo de ‘translanguaging’ (alén da túa mención nesta entrada: https://docenciadelenguasextranjeras.blogspot.com/2018/12/tema-2-mcer-objetivos-metodos-y.html) e foi grazas a ti que caín na conta de que tamén está presente, aínda que sexa de pasada, no CV (2018, p.28). Con respecto a este concepto, o vídeo de Ofelia García que facilitas resultoume moi esclarecedor, e creo que calquera persoa que se teña movido en ambientes multilingües sabe que 'translanguaging' é a norma máis que a excepción. Como ben di ela: ‘All bilingual communities translanguage’.

    Dende unha perspectiva máis práctica, tamén me parece moi útil a ligazón ás actividades de produción oral que comentas (https://www.teachingenglish.org.uk/article/motivating-speaking-activities-lower-levels), xa que creo que este tipo de actividades para niveis baixos poden axustarse moi ben a alumnado dos primeiros anos da ESO. Na mesma liña, me parece moi útil esta ferramenta que compartes e que eu descoñecía por completo: http://www.englishprofile.org/wordlists. Son moitas as veces nas que dubido se o termo que lles estou a ensinar é relevante para o nivel de lingua que ten ou quere acadar o estudantado, e con esta web poderei resolver estas dúbidas de xeito máis sinxelo.

    En referencia aos vídeos de Brian North e Enrica Piccardo que nos proporcionara a profesora e que ti inclúes na entrada, gustoume a aclaración das modificacións que fixeron no CV para eliminar a etiqueta de 'native speakers' e substituíla por 'speakers of the target language', xa que, como apunta North, en moitos casos as fronteiras son difusas: 'today it’s more and more difficult to decide who is a native speaker of, for example, English'.

    Gustaríame rematar cunha reflexión sobre o teu comentario acerca de como esta docente e estas sesións te resultaron útiles para 'espertar o meu [teu] interese polo MCER'. Non sei se foi o teu caso, pero parte do meu desencanto inicial co MCER derivouse dunha mala comprensión do mesmo: cría que o seu obxectivo principal era a avaliación, cando North deixa claro que a avaliación é o terceiro fin en orde de importancia: primeiro iría a súa utilidade para a aprendizaxe e o ensino das linguas. Neste respecto, estou de acordo contigo en que estas sesións con Cristina Rodríguez me serviron para ter unha visión máis matizada do lóxica do MCER e do CV, e comprender que a avaliación non é, para nada, o seu foco principal, cousa que fixo que me posicionase máis a favor do seu emprego.

    Graciñas de novo... e a seguir aprendendo e mudando de opinión!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola, Rut!

      Moitas grazas, de novo, pola túa fonda lectura e por comentar!

      Teño que dicir que Ofelia García é un referente para min, a pesar de que a coñecín tarde na miña traxectoria como investigadora/doctoranda. Nela e os seus colegas (e.g. Li Wei ou mesmo Jonathan Daniel Rosa...) atopei seriedade teórica e claridade para algunhas ideas que eu xa viña tendo. Foi moi valiosa para darlle respaldo á miña tese e gustoume moito atopala citada durante estas sesións.

      Sobre a ligazón ás actividades orais, o mérito é de Cristina. Ela comentouno na clase e chamou moito a miña atención, é estupendo que alguén o descubrira pola miña entrada!

      No tocante ao MCER... ai! O meu descontento vai máis aló (tamén é anterior a este mestrado), xa que eu tiven escasa relación con el como docente/estudante pero si tiña feito unha análise das políticas de integración na UE e estaba próxima a temas sociolingüísticos (nos que se enmarcan iniciativas como os exames de nacionalidade, as políticas lingüísticas en educación e/ou as consecuencias negativas da estandarización lingüística para calquera falante e, en particular, inmigrante). Diría que o meu descontento ten que ver coa súa propia creación: o seu obxectivo e o seu marco ideolóxico. En xeral, serve como instrumento político-económico en favor da "unificación" de Europa (paradoxicamente, utilizando a lenda do respeto pola súa diversidade lingüística e cultural*), así como para outros detalles como mover moitísimo diñeiro. Unha non pode obviar as irregularidades ante o tema da diversidade, estando tan próxima (por formación e experiencia laboral) á derradeira realidade da mesma neste contexto europeo... Agora si, como docente de lingua estranxeira xa estou máis aberta a achegarme a el como ferramenta, sobre todo, tendo en conta a perspectiva que se traslada dende o CV no que, a pesar da evaluación, enténdese que o estudantado son persoas cun repertorio lingüístico non estardarizado, o cal non se ve como algo negativo no aula. Sobre a evaluación, xa que estamos, coido que tamén debería estar en consonancia con estas novas perspectivas, non? Claro que o uso do repertorio e a crenza no translanguaging non é trasladable a niveis de certificación elevados... De ser así, tería sentido a súa existencia? Logo, de estar en sintonía coa realidade social e non tanto funcionar como produto con intereses político, económicos, sociais, etc., tería sentido a súa existencia?

      Non sei se me explico! Seguramente non teña moito sentido, fáiseme raro este canle para tratar temas que tiña ligados a outros contextos jejeje. Con todo, Marie deu uns breves apuntes sobre o MCER que espero que traslade tamén ao voso grupo, achegábase ao que me gustaría explicar eu aquí.

      Grazas de novo, Rut. É sempre un pracer ler as túas reflexións. Seguimos aprendendo!

      Unha aperta!

      *Se ata se presentou durante o Ano Europeo das Linguas! Para min é un paradoxo... Non sei... é como se, levado a outro ámbito e con certa ironía, se estandarizara a elaboración de pratos nacionais (antinatural), se establecesen niveis (antinatural) e todo iso funcionase como un produto a nivel mundial (natural no capitalismo, claro). Cun documento de carácter máis social e ligado á naturalidade deste tipo de manifestacións (aínda que tamén co sesgo do estudante como produtor), como é o CV, me é máis doado ver o lado positivo e útil, pero o conxunto é o que é.

      Eliminar
  2. Moitas gracias por esta entrada tan exhaustiva. Gardeina para futura referencia e ve-lo vídeo do translanguaging e o abstract do polylanguaging quedoume ben claro que neste master, se ben eu estou a aprender moitísimo debido a miña ausencia de base algunha en materia de docencia, non imos ver máis que unhas pinceadas do que é en realidade a ensinanza en linguas estranxeiras.

    O translanguaging paréceme, a primeira vista e sen ter entrado en materia, unha postura algo binaria de máis tendo en conta o pouco que vin do polylanguaging (que me lembra ó discurso dun amigo que temos en común que dicía que as linguas non existen). É dicir, se todos temos características bilingües ou, polo menos, plurilingües (perdoa que non me saiba explicar mellor) non debería haber unha necesidade de facer eses cambios (o shift) para permitirlle os bilingües utiliza-lo 100% do seu rexistro, cando existe a posibilidade de amplia-lo rexistro dos "monolingües", non é?
    Como ben dis na túa resposta a Rut (coa coincido en destaca-los enlaces a actividades de produción máis ou menos improvisada) é un tema complicado de tratar neste medio, polo que espero poder face-lo noutros non dentro de moito tempo.
    Saúdos!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola, Santi!

      Grazas por deterte a ler e comentar!

      Faime gracia a túa referencia ao noso colega común, claro está, el e mais eu tivemos ao mesmo profesor, o cal é a orixe do meu interese pola sociolingüística crítica, a miña perspectiva sobre as linguas e a "loita" (moi de salón, jj) pola súa dignificación en contextos de contacto lingüístico. Diría que o translanguaging e o polylanguaging están nunha mesma liña e parten da crenza do que temos visto na aula como o repertorio lingüístico, é dicir, non existen uns límites súper claros polos que se poida diferenciar se estás falando unha lingua ou outra (explicado rápido e correndo) e, depende dos contextos, facemos o uso máis óptimo do mesmo. As linguas foron (e son) obxecto de procesos en favor dos idearios nacionais, ao igual que as fronteiras políticas... polo que me parece que estas teorías acheganse bastante a unha ollada realista ou, polo menos, ligada á natureza social e cambiante das mesmas.

      Pérdome un pouco coa túa pregunta sobre os cambios/shifts; esto de ser blogueir@s... Con todo, para min, o realmente interesante neste contexto é favorecer (e dignificar) o uso do repertorio propio para alcanzar o obxectivo básico da intercomunicación con outras persoas e tamén no caso de adaptalo para poder comunicar noutros contextos nos que predomina a lingua estranxeira (é dicir, o que coñecemos como aprendizaxe xa sexa por traballo, lecer, etc.), agora ben, se alguén "sae gañando" (no ámbito político-económico) co escaso espallamento do repertorio dos seus habitantes autóctonos é R.U e EEUU (ademais da discriminación lingüística cara outras realidades)... Parece que amplialo rexistro destes "monolingües", na liña do que comentas, non é unha posibilidade, e mentras tanto, por aquí seguiremos tratando de alcanzar un nivel que nos permita o intercambio.

      En fin! Seguramente a miña resposta non teña nada que ver co teu apunte, pero dáxeme por divagar con estas cousas... Perdoa! Vémonos xa mesmo ;)

      Saúdos!

      Eliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

TEMA 13. Tutorías, atención a la diversidad, auxiliares, CLIL, y las 5 Cs

Diario do TEMA 7. A miña presentación sobre un centro CLIL de secundaria

TEMA 2. MCER: objetivos, métodos y prioridades de la política lingüística europea