Dosier do TEMA 7. Metodoloxía CLIL/AICLE (e enlace a comentarios)


Ola, colegas!

Velaquí a última entrada para a materia As linguas estranxeiras no contexto español e internacional. En concreto, trátase dunha entrada estilo dosier destinada ao TEMA 7, o cal ten por título Metodoloxía CLIL ou AICLE.

En concreto, o TEMA 7 foi o último ao que lle dedicamos unha sesión que seguira o estilo característico da materia, é dicir, combinando a práctica docente de guiar e expoñer novos contidos co desenvolvemento de aspectos teóricos a través de actividades nas que o alumnado participa activamente poñendo en práctica metodoloxías colaborativas. De feito, o TEMA 8 se desenvolveu enteiramente a partir de presentacións individuais. Sobre estas elaborei comentarios nas entradas publicadas ao respecto por cada poñente (aquí pódense atopar os enlaces numerados segundo a súa orde de presentación a partir da primeira, que foi a miña: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, e 8). (Por se facilita a súa revisión, tamén deixo enlazados tres comentarios realizados noutros blogs: 1, 2, 3)

Entrando xa en materia, durante este tema só desenvolvemos dúas actividades. A primeira consistiu na lectura dun documento publicado pola Xunta na que se fai un repaso polos logros e expectativas do plan EDUlingüe. Neste caso, tratábase de abrir o debate sobre a derradeira posibilidade de aplicar o plan e as consecuencias reais do mesmo. En xeral, todas e todos mantivemos que é un obxectivo ambicioso e con moitas lagoas, e prestamos especial atención á preparación do profesorado para impartir estas materias enteiramente en lingua estranxeira, preferiblemente inglés. A verdade é que esta actividade resultou moi positiva, xa que anteriormente xurdiran dúbidas arredor deste tipo de centros e finalmente non só coñecemos o que significaban, senón tamén acadamos unha visión crítica sobre a súa viabilidade. Neste sentido, gustaríame remarcar que o propósito tras os centros plurilingües parece ser unha transformación moi superficial do sistema educativo (é dabondo cunha materia) pero que insire a toda unha comunidade nun sistema imperialista de carácter lingüístico sen precedentes, mais a xente segue a entendelo como unha utopía. Resúltame tan dramático!

https://www.unifg.it/sites/default/files/allegatiparagrafo/20-01-2014/european_framework_for_clil_teacher_education.pdfA segunda e última actividade consistiu na síntese, en grupos de 3 ou 4 persoas, de cinco temas diferentes co fin de completar o temario. En concreto, 1) O marco europeo para a educación do profesorado CLIL, 2) a Aprendizaxe integrada de contidos e linguas no contexto escolar europeo, 3) As 5 dimensións de Marsh, 4) A andamiaxe en CLIL, e, por último, 5) O deseño curricular integrado CLIL. O obxectivo final consistía en desenvolver unha infografía na que recolleramos os puntos máis salientables para cada un dos temas. En particular, no noso grupo (neste caso, Santiago, María, Nazaret e mais eu) tocounos o primeiro punto, para o que deseñamos este cartaz en Piktochart. Ao rematar, todos os grupos fixemos unha posta en común das nosas infografías ou resultados e, ademais, están todas dispoñibles no noso documento partillado. A verdade é que houbo algunhas moi elaboradas, a pesar da presión do tempo e de ter que mergullarse en textos bastante amplos. En xeral, resúltanme moi interesantes estas actividades tipo “clase invertida” ou “flipped classroom”, nas que cada pequeno grupo “especialízase” nun tema e o ten que presentar ao resto do grupo-aula contando coa guía do profesorado. 

orixePor último, detereime na avaliación aplicada nesta materia. Sei que este non é o mellor dos espazos, tratándose dunha entrada estilo dosier, pero non se me ocorreu cando o profesorado pasou as súas respectivas avaliacións... Agora, botando a vista atrás, lembro que, durante esta última sesión con actividades, Gonzalo Constenla viuse na tesitura de dar a escoller entre clase maxistral ou realización doutra actividade. Fixemos a actividade, a pesar das ganas de desfrutar dunha horiña tranquila, sen dúbida, o cansanzo acumulado era real. O mestrado é esixente en xeral pero esta materia é das máis “duras” debido a que implicaba traballo diario na aula, e tamén semanal (ou findesemanal, alo menos, para as que temos algunha obligación polas mañás) na casa, entre outras cousas: traballo moi activo na aula, entradas para o blog, presentación final, saltos dun tema a outro en días consecutivos, o horario é moi intenso... Voltando á avaliación, e abreviando, considero que é algo desproporcionado que a presentación puntúe o mesmo que o resto do traballo que realizamos ao longo da materia (traballo na aula e entradas de blog individuais), xa que o segundo conleva bastante máis tempo e dedicación. É salientable, ademais, que o traballo na aula non se considera para a avaliación, senón que soamente a recapitulación e o comentario que se publica a posteriori no blog, o cal é bastante cuestionable e contrario ao que levamos experimentado no mestrado: adóitase puntuar a asistencia ou os resultados (directos) do traballo na aula. Logo, nesta materia, poderíamos asistir á clase (para cumprir coa avaliación continua) e negarnos a participar nas actividades? Neste sentido, ademais, se non se están a avaliar os resultados finais, nunca saberemos se o que realizamos na aula responde ás expectativas do profesorado (Carla ou Gonzalo), ou mesmo se está correcto. Non sei se outro tipo de avaliación nos beneficiaría ou todo o contrario, xa que, por exemplo, estaríase a avaliar o traballo realizado en condicións nas que algunhas persoas non son especialmente produtivas, pero non semella consistente non telo en conta debido ao esforzo que supón e como, tal como puidemos ver nesta última sesión, afecta ao alumnado.

Sen máis, gustaríame tamén deixar escrito por aquí que paréceme moi valente por parte do profesorado que propoñan este tipo de reflexións. Eu sempre tratei de sacarlle proveito e paréceme unha ferramenta estupenda de reflexión sobre os contidos da materia e tamén para facer chegar as nosas inquedanzas tanto sobre estes como sobre o desenvolvemento da mesma. 

Vémonos pronto!

Comentarios

Entradas populares de este blog

TEMA 13. Tutorías, atención a la diversidad, auxiliares, CLIL, y las 5 Cs

Diario do TEMA 7. A miña presentación sobre un centro CLIL de secundaria

TEMA 2. MCER: objetivos, métodos y prioridades de la política lingüística europea