Dosier do TEMA 6. As programacións didácticas vixentes


Ola, colegas!

Benvidos e benvidas a esta nova entrada estilo Diario na que me deteño nas actividades que desenvolvemos nas sesións de Gonzalo Constenla relativas ao TEMA 6 (As programacións didácticas vixentes). En concreto, trátase dun debate piramidal, a análise dunha programación didáctica e o desenvolvemento dun obxectivo específico segundo o currículo das Escolas Oficiais de Idiomas (en diante, EOI). Antes de comezar, cómpre salientar que a través deste temario puidemos achegarnos á realidade das EOI, algo que, ata o de agora, ocorreu en escasas ocasións.

No tocante ás actividades de aula, a primeira que nos propuxo Gonzalo Constenla foi a realización dun debate piramidal. Nel tiñamos que concretar as tres partes fundamentais das programacións didácticas para a ESO ou Bacharelato, segundo o publicado pola Xunta de Galicia. No meu caso, a primeira toma de decisións foi en trío, logo engadíronse dúas persoas máis e, por último, seríamos un total de oito. O grupo-clase estaba dividido en dous grupos e, ao rematar, o docente anotou as nosas decisións nunha táboa na que había unha terceira columna destinada á derradeira solución. No noso grupo acordamos que os catro elementos máis importantes son: as competencias clave, a concreción dos estándares, a metodoloxía e a avaliación. Porén, foi un momento clave cando Gonzalo explicou que, en realidade, as partes máis relevantes son aquelas nas que o profesorado pode intervir, tanto elaborando a partir dun marco establecido (como os estándares) como creando de cero. En xeral, non estou segura de se anotei os resultados da táboa final, xa que os tres elementos que teño resaltados nas miñas notas son: concreción dos estándares, metodoloxía e mecanismos de revisión das programacións. Estarei atenta ao resto de entradas para comprobalo. Considero que neste debate foi bastante máis complicado pórse de acordo, xa que cada pequeno grupo fundamentaba as súas decisións en base a motivos que, en realidade, afastábanse bastante do primordial, por exemplo: o fundamental para poder levar a cabo a programación por calquera persoa, ou o fundamental para desenvolver as actividades e así cumprir cos obxectivos. Doutra banda, puidemos confirmar que seguimos a estar moi influenciados pola nosa primeira achega ás Unidades Didácticas. Por exemplo, para nós, os obxectivos eran aqueles elaborados polo profesorado e non os obxectivos para cada etapa educativa que veñen determinados no currículo.

A segunda actividade tiña como obxectivo que afondáramos nos contidos das programacións didácticas. Para isto, eliximos un centro de Educación Secundaria a través do buscador oficial da Xunta de Galicia e nos mergullamos nunha das programacións do departamento de inglés accesibles na súa web. En concreto, en trío, analizamos unha programación do IES Terra de Turonio e tratamos de sintetizar aquela información máis relevante de cada apartado, ademais de presentar unha valoración crítica sobre os seus contidos. O resultado final trasladámolo a unha presentación de Powtoon e finalmente, tras subilo a Youtube, tivemos que comentar as presentacións do resto do grupo. Sorprendeume para ben a cantidade de programacións didácticas que están á nosa disposición, xa que eu pensaba que sería complicado pero en realidade penso que ningún grupo tivo que cambiar de centro por este motivo. Doutra banda, tamén me sorprendeu a calidade de moitas delas. No tocante á actividade, esta foi especialmente agobiante para o meu gusto, eu preciso certa tranquilidade para traballar, e nesta ocasión estaba preocupada pola falta de tempo, debido a que tiñamos que valorar un documento bastante amplo. Con todo, destaco a parte na que todas e todos visionamos e valoramos o traballo do resto. No noso caso, todos os comentarios que recibimos son constructivos e/ou xustificados.

A última actividade consistiu no desenvolvemento dun obxectivo específico para os distintos niveis establecidos polo MCER, e en relación coas EOI. No noso caso, traballamos en parella para a elaboración do obxectivo “completar documentos básicos no que se solicite información persoal”, o cal corresponde a un nivel A1. Esta actividade gustoume especialmente, xa que permitiu conxugar a innovación coa actividade real do profesorado de linguas, a pesar de que non teña que ver cos contidos. Particularmente, tivemos que presentar, a través dunha infografía, o resultado de desenvolver dito obxectivo, é dicir, especificando as competencias e contidos a traballar, as actividades e os recursos que poríamos en práctica, así como distintos aspectos relativos á avaliación: criterios, mínimos esixibles e instrumentos. Agradezo tamén ter a posibilidade de ver o traballo do resto do grupo-aula, xa que me permite coñecer diversas formas de aplicar distintos obxectivos.

A modo de conclusión, cómpre salientar que, nesta materia, cada día implica sorpresa. Isto resulta tremendamente positivo, pero tamén é certo que require certa capacidade para traballar baixo presión, xa que a maioría das actividades supoñen a presentación de resultados segundo certas condicións. Para mín, este non é o mellor contexto de traballo e, polo tanto, algunhas sesións resultan agotadoras.

Seguimos! 

Comentarios

Entradas populares de este blog

TEMA 13. Tutorías, atención a la diversidad, auxiliares, CLIL, y las 5 Cs

Diario do TEMA 7. A miña presentación sobre un centro CLIL de secundaria

TEMA 2. MCER: objetivos, métodos y prioridades de la política lingüística europea