Diario do TEMA 5. O deseño curricular
Ola, colegas!
Arrancamos coas
entradas tipo diario, nelas atoparedes unha revisión sobre os contidos da
materia que veñen da man de Gonzalo Constenla. Neste caso, centrareime en tres
cuestións ben diferentes: primeiro, nunha parte específica do TEMA 5, o cal está
dedicado ao deseño curricular; segundo, nalgunhas opinións sobre temas algo alleos
a este pero en relación coa materia; e, por último, atoparedes unha reflexión
sobre o momento académico que estamos a vivir.
Durante as sesións
relativas a este tema afondamos nun aspecto especialmente complicado do
currículo, a saber: que competencias teñen as distintas institucións implicadas.
En concreto, e a pesar de se contradicir con información que nos achegaron
nunha materia anterior, os graos de concreción curricular son catro: o Goberno
do Estado, o Ministerio de Educación, o Goberno Autonómico e os centros
docentes. Como é de esperar, as posibilidades de concretar o currículo aumentan
canto máis próxima é a devandita institución ao alumnado mais, á súa vez, cómpre
salientar que os centros educativos e, polo tanto, o profesorado, desenvolven
un papel moi dependente das decisións dos distintos gobernos ou do Ministerio.
Por exemplo, para a Educación Secundaria Obrigatoria, o Goberno Estatal
determina os contidos comúns mentres que o Autonómico e os centros poden
complementalos. Doutra banda, o primeiro tamén fixa as horas mínimas para cada
materia, á súa vez, o Autonómico fixa o máximo, pero os centros son quen de determinar
a carga horaria. O referido aos estándares de aprendizaxe, á avaliación ou ao grao
de adquisición de competencias ven determinado polos dous puntos altos da táboa
(o Goberno e o Ministerio). Poderíase dicir que este sistema de concreción
curricular é flexible só no tocante aos métodos pedagóxicos e didácticos, o cal
é competencia total dos centros. Polo tanto, se ben todos os axentes
involucrados teñen a súa responsabilidade no deseño curricular, o profesorado é
quen debe adaptar aquilo que se lle impón ás características específicas da súa
aula e contorna. En relación con todo isto, coido que no instituto no que eu estudei
a secundaria xa non é posible ter como optativa Perruquería ou Informática
(ámbalas dúas son FPs que se continúan a cursar no centro).
En segundo lugar,
gustaríame determe nalgúns comentarios destas sesións do TEMA 5 que, aínda que
non están tan relacionados coa materia, chamáronme a atención. Dunha banda, comentouse
brevemente que o concepto de “falante nativo/a” levanta as súas reticencias. O certo
é que, dende fai algunhas décadas, e especialmente dende a aparición de
conceptos como a “superdiversidade” ou o “transnacionalismo” ligados aos (xa
non tan) actuais cambios económicos e demográficos, estanse a revisar, dende a
antropoloxía e as ciencias sociais, as nocións clásicas, esencialistas e
etnocéntricas das linguas. Espero facer unha reflexión sobre isto e as prácticas
de estandarización das linguas como o MCER na próxima entrada sobre o TEMA 2. Doutra
banda, sorprendeume a posibilidade de que nas EOI se estea a considerar a opción
de unir os niveis A1-A2 ao B1 para a ensinanza de español como lingua
estranxeira. Eu, que teño algo de experiencia como docente neste eido,
considero que a EOI debería de facer por aproximarse máis ao colectivo de
inmigrantes (que non sempre son estranxeiros), distribuílos correctamente e,
nunha materia como esa, ofrecer un trato máis “personalizado”. É dicir, non sería coherente que se comece nun nivel tan desaxustado cando se ten na lingua de orixe un
alfabeto diferente ao latino ou non se superou certo nivel de educación formal
e, polo tanto, non se ten coñecemento metalingüístico. Paréceme que con esta
medida, a ensinanza de español para estranxeiros da EOI condicionaría enormemente
o tipo de alumnado a matricularse e, en consonancia, afastaría a posibles
estudantes. Cando o alumnado sinte que non está no nivel que lle pertence perde bastante a motivación, por iso, sabendo que as EOI non gozan do seu mellor momento, non me parece a mellor das medidas.
Tendes que
perdoar que me desviara dos contidos do tema, da para tanto isto das linguas!
Por último,
voume deter brevemente no desenvolvemento da última sesión, a pesar de
pertencer ao TEMA 6, por estar en relación co día a día desta materia. Véxome
na obriga de agradecer a Gonzalo que empatizase co noso desacougo, xa que son
unha das beneficiadas co cambio de data das presentacións. En xeral, este
mestrado vai rápido non, rapidísimo. Os contidos son novidosos, polo menos para min,
e as materias están concentradas no tempo. Logo está a particularidade de que
ten unha carga de traballo fóra da aula que, para os que temos algún tipo de
responsabilidade (laboral, familiar, ou do tipo que sexa), é complicada de xestionar
sen pasar polo drama de cando en cando. Sobre todo, cando se quere manter algo
de amor propio e tratar de elaborar traballos que merezan a pena, tanto facelos
como presentalos. Non sei se é problema de non sabernos adaptar ao que se nos
esixe ou dun “erro” tremendo na planificación dos créditos, pero algo debería
de cambiar para os vindeiros estudantes (a que nivel de concreción curricular deberíamos
dirixirnos?).
Sen máis, deixo
de darlle ás teclas. Espero que, ademais de algo longa, atopedes interesante esta entrada na que vos fago chegar a miña visión sobre algúns aspectos
comentados durante as sesións do TEMA 5, e unha pequena reflexión final sobre outro
tema moi actual. Seguimos!
Laura Rodríguez
Salgado
Grupo 2
<A primeira foto ten o link inserto. A segunda fíxena aquí, con conceptos que tratan de superar as clásicas concepcións sobre as linguas>
Me ha encantado tu entrada, me ha parecido muy completa y muy concreta. Me ha resultado muy interesante tu punto de vista sobre la enseñanza del español como lengua extranjera y la reflexión que haces sobre el aprendizaje de un idioma cuando no se tiene el mismo alfabeto.
ResponderEliminar¡Muchas gracias por leerme y por tu comentario Nazaret! Nos vemos pronto ;)
EliminarOla, Laura! Noraboa pola túa entrada: os tres puntos tratados son moi interesantes e pertinentes. Tendo algo de experiencia na docencia de ELE para inmigrantes, coma ti, tamén me chocou enormemente na clase que as EOI se estiveran plantexando unificar os niveis A1 e A2 nun só curso (de feito, parece que a EOI de Santiago xa o está aplicar este curso: http://www.edu.xunta.gal/centros/eoidesantiago/system/files/folleto_plan_novo_0905.pdf). Concordo totalmente co teu punto de vista a este respecto e creo firmemente que as EOI deberían replantexarse este cambio. Semella que as EOI están a esquecer a este colectivo, que na actualidade non para de crecer na nosa sociedade. Unha aperta!
ResponderEliminarGrazas, Cecilia, polo teu comentario!
EliminarÉ interesante como estamos de acordo nestes temas relacionados co español para inmigrantes, temos unha sorte tremenda con esta experiencia docente!
Aproveito para felicitarte o ano! Apertas para ti tamén!