Dosier do TEMA 5. O deseño curricular


Ola, colegas!

Hoxe damos un salto ao TEMA 5, o relativo ao deseño curricular e que veu da man de Gonzalo Constenla. En concreto, nestas entradas estilo dosier voume deter nas diferentes actividades que desenvolvemos na aula ao longo das sesións. Neste caso, un debate piramidal, a procura de información por grupos e a súa posta en común, así como a resposta a un Kahoot.

No tocante á primeira actividade, o debate piramidal, cómpre salientar que esta era a primeira vez que participaba nun. Nesta ocasión, o obxectivo era dar resposta ás seguintes preguntas sobre o currículo: 1) que é, 2) cales son os elementos que o compoñen, 3) cales son as competencias básicas que recolle, e 4) cales son os graos de concreción curricular. Estas preguntas permitíronnos contrastar informacións que nos trasladaron nunha materia anterior, á vez que abrir a nosa mente a novas perspectivas sobre un mesmo obxecto de análise: o currículo. Isto foi posible grazas á característica máis salientable deste tipo de actividade, a cal consiste en dar resposta a preguntas e contrastar a información cada vez con máis xente, así ata que o grupo-aula acada un punto común. A verdade é que este debate tivo resultados positivos para o desenvolvemento da sesión, por aportar dinamismo e ser motivadora, ao mesmo tempo que continuamos co proceso de ensinanza-aprendizaxe.
 
Falando de dinamismo, o Kahoot lévase a palma. De novo, nunca tivera a oportunidade de probalo pero este si que o coñecía a través de materias anteriores, polo que xa tiña ganas de saber de que se trataba. En concreto, neste tema participamos en dous Kahoot, nun de forma colaborativa (no meu caso, nun grupo de seis persoas) e noutro de carácter individual, e ambos versaban arredor das institucións encargadas de determinar distintos aspectos do currículo da ESO, do Bacharelato e das Escolas Oficiais de Idiomas. En xeral, paréceme que non foi especialmente frutífero no tocante á adquisición de coñecementos novos, sobre todo no caso do grupal, xa que a rapidez coa que se desenvolve a actividade e a propia atmósfera de xogo e/ou competencia que se crea non me permite tamén optimizar a aprendizaxe. Claro que a repetición de determinadas estruturas nas preguntas facilita a correlación de contidos. De calquera xeito, na proba individual resultoume máis doado atopar certo equilibrio, quizais tamén por xa ter pasado pola anterior, e así o reflicte o resultado (acadei o primeiro posto). Gustaríame experimentar algo máis pero, ate o de agora, penso que é un tipo de actividade que encaixa mellor para o repaso de información ou mesmo avaliación do progreso do alumnado, mais non tanto como primeiro contacto cunha temática nova.



Por último, pero tamén moi interesante, voume deter na actividade de procura e recompilación de información online. Considero que foi a actividade máis emocionante no tocante ao resultado final (o cal é moito dicir tendo en conta o anterior), xa que ao redor de vinte persoas fixemos cadansúa investigación (ou por grupos pequenos) pero conseguimos elaborar un documento que só cobra sentido cando poñemos en conxunto os traballos de todos e todas. En concreto, o texto versa sobre as particularidades (na Comunidade Autónoma de Galicia) da LOMCE no tocante ao tratamento das linguas estranxeiras: en educación secundaria e Formación Profesional. Ao meu grupo tocounos traballar sobre a Educación Secundaria Obrigatoria, porén, aprendín sobre todas as demais ensinanzas. Foi especialmente interesante, tamén, a participación do docente a través do documento en Google Drive, quen, a través de pistas, dirixía ao alumnado facendo comentarios para poder acadar o obxectivo final.

En definitiva, esta materia está resultando novidosa e sorprendente. Cada día temos un reto novo por diante, mais estes, de momento, nunca sobrepasan as nosas posibilidades como para sentir inquedanza ou inseguridade. O mellor de todas estas novas experiencias é que as actividades son facilmente aplicables ás nosas clases como docentes, polo menos cando os recursos o permitan.

Laura Rodríguez Salgado
Grupo 2

Comentarios

Entradas populares de este blog

TEMA 13. Tutorías, atención a la diversidad, auxiliares, CLIL, y las 5 Cs

Diario do TEMA 7. A miña presentación sobre un centro CLIL de secundaria

TEMA 2. MCER: objetivos, métodos y prioridades de la política lingüística europea